sábado, 14 de mayo de 2011
"Teño unha pregunta para Alberto"
Por primeira vez, un candidato á alcaldía de Carballo someterase ás preguntas que lle queiran formular os seus conveciños e conveciñas. Calquera cidadán lle poderá preguntar a Alberto Sueiro o que estime oportuno, libremente e sen cortapisas.
“Teño unha pregunta para Alberto” será o próximo martes, 17 de maio (Días das Letras Galegas), no xardín municipal de Carballo, a partir das 12 da mañán. É un acto público e aberto, ó que invitamos a asistir a todos aqueles que o desexen.
A partir de dita hora, os cidadáns poderán interrogar ó candidato do Partido Popular sobre todo tipo de cuestións, sendo respondidas por Alberto Sueiro a partir das 12:30 e durante o espazo dunha hora.
En principio, para darlle axilidade ó acto e posibilitar que participe o maior número de asistentes, cada persoa poderá formular unha pregunta. Os autores poderán lelas por si mesmos ou delegar no moderador. Neste último caso, únicamente se lles pedirá que conste o nome de quen faga a pregunta. Como é natural, Alberto Sueiro non terá coñecemento previo das cuestións que lle vaian a ser formuladas polos asistentes.
Tamén se poderán enviar preguntas por correo electrónico á dirección ppcarballo2011@gmail.com. Neste caso, será necesaria a presencia no acto de quen faga a pregunta para que esta sexa respondida.
As preguntas serán seleccionadas, tendo en conta exclusivamente o seu interés periodístico, por Toni Longueira, xornalista de La Voz de Galicia, quen será o presentador e moderador do acto. O seu papel limitarase a dar xogo, tendo claro que os protagonistas serán os cidadáns e o candidato. Co único fin de facer a selección das preguntas, estas deberán estar feitas por escrito, para o que haberá tarxetas e bolígrafos a disposición dos asistentes.
Consideramos que se trata dunha iniciativa absolutamente novidosa en Carballo, que aporta frescura á campaña electoral porque permite unha comunicación directa entre os cidadáns e os políticos, sen ningún tipo de intermediarios e de forma transparente e pública: na praza do pobo.
Con esta iniciativa, o Partido Popular pretende fomentar a participación activa e crítica dos cidadáns na vida política, respondendo ás cuestións que queiran formularnos, explicar o noso programa directamente ós seus destinatarios e someternos ó seu exame sen ningún tipo de reservas nin barreiras.
Se os cidadáns lle otorgan a confianza ó Partido Popular, estas serán as señas do estilo de goberno de Alberto Sueiro: a cercanía, a transparencia e o fomento real da participación cidadán.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario