Este é o programa que o Partido Popular de Carballo presenta aos cidadáns para as próximas eleccións municipais do 22 de maio.
É un programa sólido e coherente, como corresponde a un partido que ten demostrado unha traxectoria de eficacia e boa xestión. Un programa posible e ambicioso.
Hoxe fai falta un novo proxecto de centro reformista e moderado que devolva a esperanza a todos os cidadáns. Carballo necesita unha alternativa para recuperar o crecemento, o emprego, a prosperidade. A austeridade como principio. Fai falta un cambio de rumbo que só co Partido Popular é posible.
O proxecto do Partido Popular de Carballo está construido e pensado a partir do coñecemento profundo dos problemas e das necesidades do noso concello neste momento de dificultades. Estamos seguros de que, tamén en Carballo, as cousas poden e deben facerse mellor. Ofrecemos outra forma de gobernar. Un goberno capacitado. Outro goberno mellor.
O gran obxectivo para os próximos catro anos é mellorar os niveis de emprego e reducir a taxa de paro, que afecta hoxe, segundo datos oficiais, a máis de 3.500 conveciños. Para iso é necesario volver ao camiño do crecemento económico, recuperar o potencial da economía carballesa e transformalo en oportunidades de traballo.
O Concello de Carballo gobernado polo Partido Popular terá un papel importante á hora de favorecer a creación de emprego e as iniciativas empresariais mediante incentivos fiscais, formación (co apoio da Xunta de Galicia), planificación, promoción e apoio ao carácter emprendedor que dende sempre demostraron os carballeses.
Queremos un goberno mellor, que sexa máis austero e eficaz, centrado en dar resposta aos problemas reais da xente e que sirva ó interés público. O noso tempo pide facer máis con menos, eliminar o superfluo, actuar con responsabilidade e lograr unha mellor administración dos recursos de todos. Os grandes proxectos só poden levarse a cabo con éxito cando as administracións públicas son austeras.
No actual contexto de restriccións presupostarias, a mellor maneira de evitar a degradación dos servizos públicos é innovar permanentemente e acadar os máis altos niveis de eficiencia no uso do diñeiro público.
A política económica do Concello de Carballo basearase nos principios de estabilidade presupostaria, austeridade no gasto e eficiencia na xestión dos servizos públicos.
Promovemos un retorno á senda –que nunca se debeu abandonar– da disciplina presupostaria e da estabilidade. Os datos indican que o Concello de Carballo pasou de ter un Remanente Líquido de Tesourería (magnitude que reflicte a situación financeira real e o marxe de maniobra con que conta o Concello) positivo en máis de 2 millóns de euros no último ano de goberno do Partido Popular, a ter un Remanente negativo -por primeira vez na historia– en cada un dos dous últimos exercicios. Esto é unha consecuencia directa da mala xestión económica dos recursos públicos levada a cabo polo goberno local nacionalista-socialista.
Xunto co rigor presupostario, é indispensable racionalizar o gasto público, optimizar os procedementos de contratación pública e mellorar a xestión do patrimonio público.
É preciso un goberno local racional e viable, sen burocracia innecesaria e cunha mellor coordinación e colaboración coas restantes administracións. Executaremos políticas de coordinación supramunicipal, en particular cos concellos limítrofes da Laracha e Coristanco, que nos permitirán aforrar custos.
Queremos mellorar a calidade e eficiencia dos servizos públicos. Para iso simplificaremos todo o posible os procedementos administrativos, xeneralizaremos o uso de ferramentas telemáticas, melloraremos os servizos de información e as canles de participación.
Estamos decididos a deseñar unha verdadeira administración electrónica, que permita realizar a meirande parte das xestións co Concello dende o domicilio; que sexa fonte de novas oportunidades, tanto pola posibilidade de ofrecer un mellor servicio aos cidadáns como pola oportunidade de obter significativas reduccións de gasto público.
Queremos recoñecer a función dos empregados públicos –tan menosprezados polo actual goberno local–, como pezas fundamentais dunha administración moderna e dun servizo público eficaz. A actual situación de enfrontamento provocada polo goberno bipartito carballés tradúcese nun clima laboral enrarecido. Sen funcionarios e servidores públicos motivados e respetados polos políticos, non é posible prestar un bo servizo aos cidadáns.
Os responsables políticos temos que estar á altura da confianza que pedimos e desde o Partido Popular comprometémonos con un exercicio responsable e exemplar da política. Asumimos un compromiso de transparencia e rendición de contas permanente. O Partido Popular non acepta a corrupción nin o uso dos recursos públicos para fins exclusivamente privados, conductas das que desgraciadamente existen exemplos no goberno de Evencio Ferrero.
O Partido Popular está comprometido coas políticas sociais. Queremos que a nosa sociedade non deixe a ninguén á marxe, especialmente nos momentos de maior necesidade.
Construir unha auténtica sociedade do benestar esixe atender con dignidade ás persoas que o precisan, tendo en conta as súas circunstancias personais. Nestes momentos de crise, nos que a austeridade é obligatoria, imponse coma unha esixencia de xustiza a mellora na xestión dos servizos sociais. Só ganando en eficiencia, e mediante a imprescindible colaboración coas asociacións, poderemos conseguir reforzar os servizos sociais para que alcancen a un maior número de persoas necesitadas.
A seguridade é un dereito fundamental e un requisito esencial para o pleno exercicio dos dereitos e libertades e o progreso. Representa un ben de todos ao que o Concello debe contribuir de forma máis activa e implicada. Agochando ou negando o problema non se soluciona. Garantizaremos que a seguridade sexa un ben que chegue a todos.
Queremos un Carballo acolledor e aberto. Isto obliga a unha atención especial aos barrios que más o necesitan e á zona rural, mediante actuacións que permitan alcanzar unha maior cohesión social e un equilibrio territorial, de xeito que non existan as desigualdades actuais por razón do lugar onde se viva, en materia de infraestructuras, servizos e acceso ás novas tecnoloxías.
Apostamos por espazos públicos de calidade, pola mellora da paisaxe urbana coa dotación de mobiliario adecuado, continuando o modelo iniciado en Carballo polos anteriores gobernos do Partido Popular.
Queremos rematar, salvagardando os dereitos de todos, a revisión do Plano Xeral de Ordenación Muncipal que o actual goberno non quixo ou non foi capaz de facer en oito anos, e dotar á normativa urbanística dunha total transparencia para que os cidadáns coñezan as normas e criterios que rexen a ordenación urbana e o seu desenvolvemento. Pretendemos a súa simplificación e a súa claridade. Queremos, en definitiva, facer un desenvolvemento urbano xestionado con transparencia e pensado para o benestar de todos os cidadáns.
Coas medidas que propoñemos decímoslles a todos os carballeses e carballesas que as cousas poden e van a cambiar a mellor. Decímoslles que a ilusión é posible. Que merece a pena confiar no proxecto de esperanza que representa o Partido Popular. Que Carballo precisa de políticos capacitados. Que Alberto Sueiro e o seu equipo liderarán a recuperación do rumbo de benestar e calidade de vida en Carballo.
A isto nos comprometemos, e para isto pedimos a súa confianza.
(Desenvolveremos o programa por áreas en próximas entradas)
No hay comentarios:
Publicar un comentario