martes, 17 de mayo de 2011

Éxito de “Teño unha pregunta para Alberto”



Con gran éxito, celebramos hoxe no xardín municipal o acto “Teño unha pregunta para Alberto”, no que o noso candidato se sometiu durante unha hora ás numerosas preguntas que lle formularon os asistentes, unhas orais e outras escritas. É a primeira vez que se celebra en Carballo algo similar: un acto no parque, aberto a todo o mundo e no que o político responde cara a cara ós seus veciños sin trampa nin cartón.

Na entrevista colectiva, moderada polo xornalista de La Voz de Galicia Toni Longueira, ó que lle agradecemos o seu perfecto labor, Alberto demostrou que coñece perfectamente a situación e problemas de Carballo, explicando cal será a resposta do goberno que presida a cada unha das cuestións que lle planteou o público, no caso de que sexa elexido alcalde.

Entre outros asuntos, preguntáronlle pola situación de abandono da parroquia de Sísamo (tónica que, como dixemos xa noutra entrada deste blog, se ven repetindo en toda a zona rural, que se sinte totalmente abandonada por este goberno); polas liñas xerais do seu programa; polos posibles pactos tralas eleccións, reiterando Alberto a nosa coñecida postura de que goberne a lista máis votada e de que non pactará con Andrade; pola situación económica do Concello (que é mala, dado que ten un Remanente negativo por primeira vez na historia); polo retraso no pago ós proveedores do Concello; polos soldos dos políticos (reiterou a promesa de reducir o gasto á mitade); polos saneamentos que están sin acabar; polas obras do mercado (edificio que ocupa máis espazo público e que carece de aparcamento), etc.

As súas intervencións foron moi aplaudidas polos numerosos veciños congregados.






No hay comentarios: